IV. En paz.
María síntese perdida, pero por
dentro, non saber onde está físicamente é o único que lle produce certa
satisfacción. Faise de noite, podería durmir baixo as estrelas, sobre o
manto de herba dos prados. Decidida deitase, a mochila de almofada, Xus
dalle calor, o sono invadea, o cansancio gaña á ansiedade. Un movemento
estraño despertaa, abre os ollos e ante ela un ancián sorrinte desiste no seu
empeño de zarandeala co caxado. A ledicia de sabela viva anímao a
invitala a durmir a cuberto, pola noite refresca.
Cea quente, sabas de algodón,
unha colcha de la sobre a cama, arrecende a madeira, pecha de novo
os ollos, esta vez sen sobresaltos.
V. Sobresaltos.
María quere morrer, os pensamentos
de ruina atacan sen previo aviso. Esperta e non quere sair da cama, mira
a lámpada que pende dunha cadea dourada, imaxínase alí pendurada. Unha
nena entra sobre as puntas dos pés na habitación, míraa con curiosidade, é a neta
de Fermín, tamén se chama María, sae correndo ó verse descuberta. É hora
de asearse, vestirse, séntese mal polos seus pensamentos suicidas, non lle gusta a súa vida e non é capaz de cambiala. Maldita sexa, non pode baixar a garda,
trenza o seu pelo cara un lado, abre a fiestra, hai pouca altura.
O almorzo anímaa, o queixo é un
rico manxar sobre a súa lingua, o gusto a laranxa do zume reconfórtaa. A
pequena pídelle un conto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario