8 de xul. de 2015

30. María Vai... (VI)


X. Ninguén.

            María sente que non ten saída. Vese incapaz de axudarse a si mesma, os demais tampouco poden facelo. Unha anciá baixa a rúa empedrada con dificultade, carga un cesto demasiado pesado para a súa fráxil figura. Poden axudarse pero aínda non o saben, séntense soas ante o incerto futuro. Cruzan as miradas e achéganse, intúen xa as necesidades que poden satisfacerse mutuamente. Engracia fai pasar a súa auxiliar á cociña, prepara un caldo de verduras e un peixe ó forno. Pola fiestra da galería vese o porto, Xus vai de pesca con Vicente.

            Sobre a mesa da sala hai ducias de cunchas de cores, fíos, agullas… na parede o retrato dun home con bigote sorrí. María acaricia unha gran caracola.

XI. Caracola.

            María admira á persoa que a acolleu, as súas historias de antano danlle vida, forza para soñar. Relátalle que o máis importante que se levaba a bordo era a caracola, tocábase nos días de néboa e as mulleres, ó oír o seu son, orientaban ós seu homes dende a beiramar para que atracasen con ben. Salvaron moitas vidas na costa atlántica norte, isto contarallo Vicente, unha tarde que a levará a pescar. Mentres, Xus lánzase á auga con habilidade abraiante pescando a cea, o mariñeiro aseguraralle que poderían deixar o barco nas mans do lobo de mar canino e baixar a botarse unha sesta.

            Engracia revela o lugar segredo onde recolle as cunchas para os seus colares, e o seu oficio artesán, á que será a súa sucesora. Ilusionada, María vai.



Se ides ó museo de Fisterra podedes admirar e aprender, 
da vida do mar, da supervivencia,
 dos sentimentos...


No Museo do Castelo de San Carlos en Fisterra,  Manuel (guía - mariñeiro - poeta), 
fai unha demostración de como sona o corno de néboa que tantas vidas salvou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario