IV
Dende pequena familiarizouse con aquela
contorna de pedra e terra, unha das súas adicións era a lectura de lápidas, a
miúdo os nomes suxeríanlle historias imaxinarias. Outros a súa propia vida, a
súa árbore xenealóxica. Unha tarde de culto os mortos, ó colocar as flores
semprevivas sobre a lápida onde descansaba a súa nai María e a nai desta do
mesmo nome que ela mesma, sobresaltouse ó escoitar uns berros que proviñan da
capela. Dirixiu a mirada cara o lugar, non tardou en descubrir a Brais, o axudante
incondicional e digno sucesor de frei Breixo. Chamaba por ela con inusual excitación,
conmovida saíulle ó encontro, e coma se voaran víronse nun abrir e pechar de
ollos no interior do santuario.
No subterráneo, Brais
sinalou unha cavidade na parede que quedara ó descuberto. A análise
pormenorizada dunha ilustración reveláralle a existencia dun labirinto que
comunicaba a capela con algún lugar. Mantivérao en segredo, con determinación
barallou as posibilidades dun espazo oco no chan e os laterais. Mencía introduciu a cabeza, despois o resto do
corpo, el seguiuna, a medida que avanzaban o túnel foise facendo máis amplo. As
rochas ofrecían un singular espectáculo de formas, cores e sons. A lanterna que
portaban iluminaba todo o espazo facendo brillar a mica, a maxia envolvíaos ata
o punto de non querer quebrantar coa súa voz aquel soño real.
Camiñaron un longo
treito sen deixarse vencer polo cansazo, o frío ou o medo ó descoñecido, as
ansias de saber máis conducíaos inexorablemente ó coñecemento. Nalgúns
recunchos apreciábanse restos de pinturas rupestres, nunha revolta a luz invadiu por completo a galería. Unha cortina de auga anunciaba o final do traxecto, a
través dela distinguiron ó lonxe, como se dun día de copiosa choiva se tratase,
a figura impertérrita do mosteiro.
![]() |
Algo así foi o que viron (na imaxe o mosteiro de Carboeiro). |
Mencía e Brais xunguiron
a mirada, os seus corpos buscaron o contacto físico a traveso das mans… Abríase
ante eles outro capítulo non escrito doutra historia sen fin.
Ningún comentario:
Publicar un comentario