8 de mar. de 2014

8. O Taller de Maxina



O taller de Maxina (tamén "garaxe garda todo" di ela)

   A expresión de Anibia tornouse desencaixada, as cores saíanlle das fazulas e emitía sons inconexos, as botas de goma que utilizaba nas súas andainas de choiva parecían terse adherido ós seus pes coma una nova capa de pel. Maxina observaba a estampa cos ollos coma pratos, aquela muller que daba saúde, recoñecía plantas e elaboraba remedios, non daba quitado o calzado. 

- Sei o que estás pensando – dixo Anibia cun sorriso – Isto é un castigo por ter aparcadas as zocas, pero tal e como están de auga os carreiros e os eidos…
- Pois na miña casa lémbrome que tiñamos unha madeira, que nun principio foi deseñada polo meu avó, e facilitaba moito a labor.

        Cando Maxina chegou a casa correu ó taller, aquel baixo onde se gardaban os sobrantes, o que xa non se utilizaba, e acordándose do agarimo que recibira de Anibia, creoulle ela mesma un descalzador de madeira.
        Anibia non daba creto cando recibiu o agasallo, non paraba de loubar as magníficas cualidades do aparello e a ilusión que lle facía ter un presente artesán feito por unhas mans amigas.
  Ó principio, non moi convencida metera o pe, pero axiña deuse conta da marabillosa liberación que producía aquel artefacto que sen dúbida pasaría a formar parte dos elementos indispensables da cabana.

Útil, orixinal, ecolóxico, tradicional… o teu avó era un artista e ti ségueslle os pasos. Deberías darte conta do moito que vales e crelo Maxina, andas despistada e triste sen darte conta da túa valía, do moito que podes aportar ós demais, que magoa para o mundo – Anibia falaba con sinceridade pero Maxina non puido máis que esbozar un sorriso pensando que o que fixera non tiña valor.

       O que non deixaba de sorprender a Maxina en realidade, era o feito de que nun lugar onde vía cousas fantásticas fora tan dificultoso algo tan simple e cotián como quitar o calzado. Foi entón cando a muller, liberada completamente daquela cubrición que lle oprimira os andares, foi cara ela e dándolle unha agarimosa e forte aperta, díxolle así:

    Tódalas persoas temos limitacións, ata aquelas que che poidamos parecer máis sabias, por iso precisamos de outras que nos axuden. Mal fan os que se rin daquilo no que outros fallan, seguro que te sorprenden superándote no que menos te imaxinas.





Ningún comentario:

Publicar un comentario