A Grela, coa capela no alto, torre vixía do lugar |
Ando a recordar nestes días o que teño escoitado dende nena, e recopilando papeis con anotacións destas historias antergas que aconteceron no lugar onde naceron os meus pais, A Grela.
A miña nai é do Coto, un pouco máis lonxe da capela que o meu pai... |
... que é da casa de Xacobe, a tiro de pedra do adro onde vela por nós Guadalupe. |
Como serían aqueles días de festa que se celebraban nestas datas?
Pecho os ollos... escribo... e recreo a través das súas lembranzas...
O día 6 de setembro aquilo xa estaba cheo de xente. Os veciños do lugar xuntaban feixes de palla que ofrecían ós que ían durmir na capela, na caseta que había a carón dela ou nos campos próximos. Outros peregrinos durmían en casas particulares onde se lles daba pousada sen cobrar nada, como hospitalidade en honor á Santa.
Os rapaces subían ó campanario e pasaban horas repicando nas tres campás, emulando xotas e muiñeiras enchían de ledicia o ar que se respiraba.
Os rapaces subían ó campanario e pasaban horas repicando nas tres campás, emulando xotas e muiñeiras enchían de ledicia o ar que se respiraba.
O primeiro día da romaría, o 7 de setembro, era o máis concorrido, o que atraía á maior cantidade de xente. Os nenos volvían tocar as campás, despois do xantar, para anunciar que había que acudir ó adro. O acto principal era a procesión na que os veciños e veciñas levaban a Virxe de Guadalupe, acompañada doutros santos e ó son das letanías do crego, ó Alto da Cruz.
Alí
xuntábanse con San Xorxe de Codeseda, que viña monte arriba a ombreiros dos
seus fregreses, na compaña de outros santos avogosos da parroquia. Nese
alto, a metade de camiño entre a igrexa do patrón e a morada da Santa obxecto
da homenaxe, reuníanse e facíaselle a "venia" á Virxe de
Guadalupe. Ata o mesmo San Xorxe acompañado de tódolos demais asistentes
se inclinaba diante dela, correspondendo logo ela do mesmo xeito. Nese
encontro, sobre todo as nenas, aínda que tamén algúns nenos e maiores, vestían
hábitos que pertencían a ofrendas da Virxe que se gardaban no santuario. Recitábanlle poesías interpretando e braceando con moito sentimento. Unha desas
nenas, a miña madriña, continúa rezando aínda hoxe a estrofa que lle tocou en
sorte:
Madre del amor hermoso.
Fuente de todo consuelo.
Divina aurora del cielo.
Lirio entre espinas frondoso.
Ramillete misterioso,
de incomparable belleza.
Árbol que sin la corteza,
de la mancha original,
remediaste nuestro mal.
Bendita sea tu pureza.
Despois deste último verso, seguía outra compañeira: "eternamente lo sea pues todo un Dios ser recrea en tan gloriosa belleza...".
![]() |
Cadro de Nosa Señora de Guadalupe,
feito en Madrid por encargo para a miña madriña.
|
Con todo, o cumio da sonoridade atopaba o seu momento álxido co estoupido da pólvora que se queimaba para festexar á Santa do lugar. Baixaban logo en procesión coas imaxes ata a capela da Grela onde permanecía San Xorxe ata o seguinte domingo que se levaba de volta en procesión á igrexa de Codeseda.
Non se pode obviar a disputa que durante anos mantiveron os da Grela e os de Codeseda pola Virxe de Guadalupe. Contan que hai unha canteira, preto do Alto da Cruz, coñecida como canteira da Nosa Señora de onde parece que se sacou a pedra para a ermida primixenia. Seica os de Codeseda levaban á Santa para a súa igrexa pero a mañá seguinte aparecía a Virxe na canteira. Aseguran que o milagre fixo que os de Codeseda cederan ante o mandato divino, de aí que se construira o espectacular templo que agora gozamos e que como se ve tivo tanta sona. Segundo algunhas versións, os milagres respondían a uns cantos homes, entre eles un cura da Grela que estaba en Codeseda e que cando era recuperada a Santa se encargaba de abrirlle a porta da igrexa ós seus paisanos para que amencera na canteira. Deste xeito, entre milagre divino para uns e habilidade humana para outros, conseguiuse facer unha das romarías máis importantes da zona, hoxe tan só no recordo.
Despois disto, a Virxe foi levada algunha vez a Codeseda con obxecto de rogativas, cando había a seca ou outros males, pero tratándose de visitas en ocasións moi concretas, para inmediatamente retornar a súa morada na carballeira do val.
Entre os milagres que se lembran salienta o feito de que, nalgún intre da construción, foi traída pedra de Montouto con axuda divina. O carro viña facendo o traxecto con moito esforzo, as persoas que o guiaban rezaban temendo o peor. As dúas vacas co xugo tiraban o que podían, pero o tumeiro que se acoplaba a cabezalla do carro estaba moi gastado. Ó chegar a cancela do adro parteu sen remedio, o cargamento acadou destino de xeito estrepitoso pero triunfal, os rogos foron atendidos. Noutra ocasión caeu un raio entre a xente pero baixou con xeito meténdose na terra, ninguén sufriu feridas. As pregarias seica son escoitadas, cando pode ser... matizan as testemuñas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario