11 de xul. de 2014

18. Cen


Foto de Diego
        
               Dende a beiramar Vicente observa a vella gamela afundida, cando baixe a marea o seu esqueleto quedará de novo exposto. Terá que decidir se deixala alí, onde alguén a abandonou a súa sorte engadindo decadencia ó mar, ou levar a cabo o proxecto que rolda na súa mente cada vez que a mira.
            Cen días dedicou o fareiro da illa a restaurar aquelas táboas húmidas e carcomidas. Finalizada a labor foi coroada a súa obra cunha branca vela que prometía axudar ó vento a debuxar un improvisado ronsel nas augas, como noutro tempo fixera. Non había rastro da súa outra identidade e foi chamada “100”, en honor os días compartidos de ilusión e como comezo de singradura.
            Viñeron despois moitas viaxes pola costa… un deses días nos que atracou noutros peiraos,  advertiu un cartel que nunca vira, o anuncio dun espectáculo, “Golfiños”. Acordouse das tardes de tormenta que aproveitaba para disfrutar da lectura na biblioteca do faro e tamén para deleitarse ou deprimirse co cinema, os documentais…
            Lembrou o documental The cove, onde Ric O’Barry relata como deixou de ser adestrador de golfiños ó decatarse de que a serie norteamericana Flipper non reportara beneficios para o protagonista. Pola contra, xerouse unha adoración ó espectáculo dos golfiños como atracción nos parques mariños, provocando cacerías como as de Taiji e, para máis traxedia, o desexo de morte dos cetáceos presos obrigados a facer acrobacias.
            Pensou na posibilidade de que esas estrelas por obriga se suicidaran en catividade, da liberdade e de cómo se sentía el sen ataduras no mar a bordo da súa gamela. Non era fondo coñecedor desta especie nin da súa linguaxe pero propúxose tentar un achegamento de salvamento. Foi doado chegar á piscina onde os áxiles animais mariños brincaban entre aros e pelotas de cores.

            (continuará… ou non?... se continúa
 o final será unha auténtica coreografía de natureza con entrada libre)


Así imaxino a continuación desta historia inconclusa... unha fuxida na néboa cara a liberdade.

1 comentario:

  1. É moi fermosa a historia, só a túa gran sensibilidade e capaz de tecer magníficos relatos coma este. Agardo con impaciencia a continuación. Moitas Grazas.

    ResponderEliminar