21 de xuño de 2015

25. María vai... (I)


 “Si no hubiese podido participar del mundo de los cuentos
 y si no hubiese podido inventarme mis propios mundos,
 me habría muerto”.
                                                   Ana María Matute

I. Da nada á nada.

            María continuou na cama un anaco máis, coas mans na caluga, ollando ó teito da habitación. A lámpada colgaba estratexicamente no centro, non a ía prender, só quería escuridade. A luz que entraba polas fendas da persiana era unha intrusa naquel mundo de tebras, no que se somerxera sen decatarse. A casa era súa, ata que as letras deixaron de estar ó día, o seu tempo alí remataba, a neveira baleira, a hucha rota no chan… unha mochila sobresaía no estante. Tomou unha decisión, da nada á nada.
            Con esforzo introduciu o mínimo no fardo, estaba cansa de levar peso as súas costas. Nun papel color sepia escribiu: “Todo voso, estou no camiño”.


II. No camiño.

            María non sabe onde se sitúa o norte, o seu sentido da orientación é pésimo dende sempre, comeza a camiñar, perdida. A sorte fai acto de presenza por primeira vez en moito tempo cando coñece a Xus. O encontro é casual, el achégase paseniño e sen mediar son algún frégase contra as súas pernas, por fin ela sorrí. Leva o seu nome no colar pero parece un ser ceibe, míranse, gústanse, comezan a patear á par. As casas cada vez máis espalladas no horizonte desaparecerán na distancia. Aínda brilla o sol no alto e baixo el cárganse de enerxía, atópanse mellor.
            O seu acompañante decide o rumbo, a ela dálle igual, el parece ter as cousas claras, en cada cruce xiran sen demora cara ningunha parte.

Herbert Thomas Dicksee (1862 – 1942) 
(continuará)

Ningún comentario:

Publicar un comentario