O costume de ler antes de durmir
producía nela un efecto reconfortante, mentres acomodaba o corpo baixo as sabas
repasaba as imaxes que recreara. Mirou o estante onde descansaban os libros,
lembrando con agrado o último que colocara alí, onde lera:
“Gustaríame saber (…) que pasa realmente nun libro cando
está pechado. Naturalmente, dentro hai so letras impresas sobre o papel, pero
non obstante… Algo debe de pasar, porque cando o abro aparece de súpeto unha
historia enteira. Dentro hai persoas que non coñezo aínda (…) Para vivilo hai
que lelo, iso está claro. Pero está dentro xa antes. Gustaríame saber de que
xeito”.
La historia interminable. Michael Ende.
Aquela noite non tiña sono, estirou
o brazo ata alcanzar un caderno que agardaba na mesa de noite, alí escribía
ideas que lle viñan a mente, as veces palabras, outras versos, en ocasións
contos… Comezou a crear unha historia inspirándose na manta tecida pola súa
avoa con lan de cores, que quentaba con agarimo os pes da cama. Ela mesma co
traxe de “Campanilla” que lle fixera a súa nai formaba parte da natureza en
movemento:
“Paseaba á beira do río cando me decatei de que
escurecía, a lúa arrolaba unha estrela no ceo e o vento do nordés sopraba cada
vez máis forte. De improviso un remuíño case me fai perder o equilibrio, os
meus cabelos en espiral alzáronse o seu son improvisando figuras no ar. Para a
miña sorpresa cando cesou, todo cambiara o meu arredor, unha enorme sequoia
presidía o lugar e un moucho miraba cos seus enormes ollos cara min. Pensei en
liscar en sentido contrario cando me decatei de que outro enorme paxaro miraba dende
o outro lado fascinado pola longa melena loura, agora inmóbil de novo sobre os
meus ombreiros”.
Eva mirou de novo a manta, pechou os ollos e
deixou que o boli dourado se deslizase polo papel manuscrito deixándose guiar
pola imaxinación:
O paxaro
con ás de corazón dirixiuse a min:
- De
lonxe parecía que os teus cabelos debuxaban no ceo animais de variadas
especies, o luar iluminaba a escena.
- Teño un amigo que fai figuras de animais coas
mans entre luces e sombras – contestei entre risas, sorprendida por poder
interpretar a súa linguaxe .
Pousou
nunha pola e suspirou, facía unha longa travesía de centos de quilómetros sen descanso, alimentándose sobre a marcha do que a terra e
o ar lle provían, así como da ilusión de que a fin da súa viaxe se atopaba cada
día máis preto. O moucho achegouse a el, quitou da plumaxe unha estilizada
pluma dourada e un tinteiro, que contiñan o zume dunhas herbas que lle facían
de tinta.
-
Fareiche un plano meu amigo – sentenciou o
sabio moucho.
-
¡Xa non podo máis! – laiouse o paxaro canso.
-
Non te sintas derrotado, esta é unha
experiencia no camiño. Adiante!
Eva deixou de apresar o boli entre
os dedos, o caderno foi caendo pola forza da gravidade ata o chan, axudado
polos movementos do seu corpo na procura da posición de descanso. Pasou a noite soñando, retornando a aquel lugar
máxico:
Un peixe
saíu á superficie e salpicou coa fría auga do río a Eva, agradeceuno porque
realmente facía moita calor, aínda que no ceo unha nube ría divertida disposta
a soltar por aspersión auga celestial sobre a súa cabeza.
-
Antes de vivir nesta árbore milenaria –
faloulle o moucho - gustábame viaxar e teño durmido en moitos lugares, tamén a
carón da túa ventá.
-
Seguro que nas túas viaxes coñeciches a
persoas ben interesantes, a miña, pola contra, non é máis que unha vida aburrida,
onde a boa sorte se me mostra a cotío esquiva.
-
Será que non miras onde pisas… que tes agora
mesmo ós pes?
-
Flores brancas.
-
A pureza… e non ves nada máis? Seguro que se
te esforzas atopas un trevo de catro follas, raros na súa especie e por iso tan
valorados. As cousas que realmente importan son as que menos valor lles damos,
precisamente porque están aí, porque non hai que loitar por elas, pero que
cando desaparecen deixan en nós un oco imposible de encher. En ti está presente
a beleza, non desperdicies as túas enerxías con ideas que te escravizan e te
fan sentir mal, lembra "non é máis feliz quen máis ten, senón quen menos
precisa". Disfruta do que a vida che ofrece que é moito se afrontas as súas probas cunha actitude de
mente positiva – resoaba a voz do moucho na fraga.
Xa era
un novo día, ó lonxe oíanse voces na cociña, percibiu o olor do biscoito, a
avoa comentaba “debemos valorar o que temos”. A súa mente viñeron imaxes do que fixera
antes de durmir e do soño, todo aquilo engadido o que escoitaba resultou ser unha mestura de realidade e maxia.
Mirou cara os pes da cama e sorriu sentíndose protagonista daquela historia.
Fermoso e máxico como sempre. Gustoume moito.
ResponderEliminarSerá que miras con bos ollos, dende o teu faro de Illa Alba.
Eliminar