Era unha tarde
dos anos 80, non lembro se raiaba o sol ou chovía, estabamos no baixo da casa,
onde o meu pai gardaba o coche. Alumeaba a escena unha vela de cera natural,
non de parafina derivada do petróleo que fumea e intoxica, ese perigo non o
tiñamos. Nun recuncho agardaba unha bombona de butano o seu momento de entrar
en acción, detalle importante aínda que non decisivo para o que aconteceu.
Sentadas no
chan, unhas nenas invocaban os espíritos, o ambiente máis que tétrico era
esperpéntico, especialmente pola austeridade do noso atrezzo, uns simples
papeis para facilitar o contacto entre mundos e un vaso baleiro de nocilla. Decidín
preguntar:
- Se
hai algún espírito que se manifeste?
E
foi nese intre, de súpeto, cando fixo a súa aparición a miña nai, o seu berro
estremeceunos case tanto coma a súa presenza. O castigo foi recordarmo
repetidas veces o longo da miña vida, recalcando o detalle terrorista do butano,
agora dalle a risa cando lembra a nosa reacción de espanto. Penso que o que
máis lle molestou foi o xeito de facelo, xa que unha das lendas familiares
conta que a súa avoa Concepción, a miña bisavoa, falou despois de morta, pero
sen papeis, dun xeito máis tradicional.
Había
unha muller en Deán que sabía de todo, do que rexe aquí e do de máis alá, cando
alguén morría os familiares acudían a ela para que lle dixera se necesitaban
misas, non cumpría derrochar. E foi así como Concepción contestou dende o outro
mundo cando lle preguntaron se precisaba rezos, por boca daquela muller e cunha
palabra que ela dicía a miúdo que dou fe de que era ela:
- Los demorrios! Noooon, que hai
moito quen pida e pouco quen de.
A
muller de Deán facía moito ben, grazas a ela a tía Carmen tivo dous fillos, non
viñan ata que lle foron aconselladas unhas raíces que lle fixeron o efecto
reproductivo desexado. O meu pai nunha ocasión tamén precisou dela pero foi un
caso diferente, estaba dentro do coche cando un enxame se dirixiu ata alí coa
suposta intención de facelo o seu fogar. Alí preto estaba ela, que acudíu no
seu auxilio empuñando unha culler coa que batía no cu dunha pota acompañando o
seu son con sabias verbas:
- Pousa maestra pousa, pousa en
calquera cousa….
As abellas seguiron o ritual ata un carballo, onde seguro proporcionaron doce e viscoso mel a partires do néctar das flores ou doutras secrecións vexetais. Sen dúbida o seu sino sería tamén terapéutico preto daquel lugar onde reinaba a sanadora de mundos.
As abellas seguiron o ritual ata un carballo, onde seguro proporcionaron doce e viscoso mel a partires do néctar das flores ou doutras secrecións vexetais. Sen dúbida o seu sino sería tamén terapéutico preto daquel lugar onde reinaba a sanadora de mundos.
![]() |
Cadro de Maruja Mallo. Sería
así a muller de Deán? Pola miña parte eu non volvo a facer experimentos dese
tipo que non teño esa arte…
|
Conectando cos sentimentos máis atàvicos e ancestrais
ResponderEliminarMagoa do que se perde no camiño...
Eliminar