17 de xuño de 2014

14. Pousa maestra, pousa... Baseado en feitos reais.

Era unha tarde dos anos 80, non lembro se raiaba o sol ou chovía, estabamos no baixo da casa, onde o meu pai gardaba o coche. Alumeaba a escena unha vela de cera natural, non de parafina derivada do petróleo que fumea e intoxica, ese perigo non o tiñamos. Nun recuncho agardaba unha bombona de butano o seu momento de entrar en acción, detalle importante aínda que non decisivo para o que aconteceu.
Sentadas no chan, unhas nenas invocaban os espíritos, o ambiente máis que tétrico era esperpéntico, especialmente pola austeridade do noso atrezzo, uns simples papeis para facilitar o contacto entre mundos e un vaso baleiro de nocilla. Decidín preguntar:

- Se hai algún espírito que se manifeste?

E foi nese intre, de súpeto, cando fixo a súa aparición a miña nai, o seu berro estremeceunos case tanto coma a súa presenza. O castigo foi recordarmo repetidas veces o longo da miña vida, recalcando o detalle terrorista do butano, agora dalle a risa cando lembra a nosa reacción de espanto. Penso que o que máis lle molestou foi o xeito de facelo, xa que unha das lendas familiares conta que a súa avoa Concepción, a miña bisavoa, falou despois de morta, pero sen papeis, dun xeito máis tradicional.
Había unha muller en Deán que sabía de todo, do que rexe aquí e do de máis alá, cando alguén morría os familiares acudían a ela para que lle dixera se necesitaban misas, non cumpría derrochar. E foi así como Concepción contestou dende o outro mundo cando lle preguntaron se precisaba rezos, por boca daquela muller e cunha palabra que ela dicía a miúdo que dou fe de que era ela:

- Los demorrios! Noooon, que hai moito quen pida e pouco quen de.

A muller de Deán facía moito ben, grazas a ela a tía Carmen tivo dous fillos, non viñan ata que lle foron aconselladas unhas raíces que lle fixeron o efecto reproductivo desexado. O meu pai nunha ocasión tamén precisou dela pero foi un caso diferente, estaba dentro do coche cando un enxame se dirixiu ata alí coa suposta intención de facelo o seu fogar. Alí preto estaba ela, que acudíu no seu auxilio empuñando unha culler coa que batía no cu dunha pota acompañando o seu son con sabias verbas:

Pousa maestra pousa, pousa en calquera cousa….

As abellas seguiron o ritual ata un carballo, onde seguro proporcionaron doce e viscoso mel a partires do néctar das flores ou doutras secrecións vexetais. Sen dúbida o seu sino sería tamén terapéutico preto daquel lugar onde reinaba a sanadora de mundos.

Cadro de Maruja Mallo. Sería así a muller de Deán? Pola miña parte eu non volvo a facer experimentos dese tipo que non teño esa arte…

2 comentarios: