29 de nov. de 2014

23. A Grela V. San Miguel me pese a alma...



Por sempre agardan no interior do Santuario da Grela (Codeseda), presidindo dende o retablo,  as imaxes de San Gregorio Magno, San Ramón Nonato, San Leandro e un medallón que representa a aparición de Nosa Señora ó indio Juan Diego. Nos altares laterais hai tamén dúas interesantes tallas de San Miguel e Santa Tareixa de Xesús, imaxes barrocas que datan do século XVIII.

Santa Tareixa de Xesús.
A imaxe da Virxe de Guadalupe que se venera o día da festa, e que se saca en procesión, está situada nun altar á esquerda, facendo esquina co altar maior e co lateral onde San Miguel somete baixo un dos seus pés a figura do demo. A Santa, xunto co neno que sostén no colo, viste fermosos vestidos e mantos, agasallo dos seus incondicionais devotos, sobre todo, devotas. Aínda hoxe é vestida uns días antes da festa coas súas mellores galas.


Antigamente cubría a imaxe un rechamante arco de flores, que non se conserva e que foi substituido por uns arcos de madeira. E nas festas vólvese cubrir de flores...


Conta tamén Guadalupe cun fermoso estandarte que a honra por onde vai.


Con todo, a figura máis impactante e que esperta curiosidade, especialmente nos máis novos, é o demo retorto baixo os pés de San Miguel. Como símbolo maligno, sometido ó ben, loce os seus cornos con beizos pintados e as unllas moi lucidas. Non poucos gardarían a súa imaxe na mente, poida que con certo temor, pero mentres esté suxeito non temos mal, xa que o anxo guerreiro e a Virxe de Guadalupe velan por nós.




"... San Joaquín, Santa Ana, San Miguel me pese el alma...".  
Eu tiña esta frase na lembranza, pero recordando coa miña nai ela di: "San Joaquín, Santa Ana, San Miguel me lleve el alma, cama de los vivos, sepultura de los muertos...". Toda unha historia de rezos nos precede.
Teño admirado imaxes onde o Arcánxel anda nesas lides, a pesar as almas... sempre me chama a atención e acórdome da Grela.



San Miguel Arcánxel pesando as almas, obra de Riccardo Quartararo.

San Miguel Arcánxel derrotando a Lucifer,
obra do mestre Agustín Cruz Tinoco de Oaxaca México.

San Miguel Arcánxel derrotando á bestia, obra de Guariento.



1 comentario: