![]() |
O Parlamento de Londres, raio de sol na néboa (1904). Claude Monet. |
“…Silueta
irreal e fantasmagórica, o Parlamento xorde coma unha aparición, onde a
arquitectura de pedra perde consistencia. A pincelada está sistematicamente
fragmentada en múltiples manchas que plasman a densidade da atmosfera e da bruma…”,
os ollos que len desvían o obxectivo cara o cadro de
Claude Monet e viaxan no tempo. Naqueles anos o pintor dicía que era moi
difícil pintar en Londres, pola ausencia de sol e pola contaminación das miles
de chemineas. Cando Monet crea “O Parlamento
de Londres, raio de sol na néboa”, lega unha obra de arte á posteridade e
amosa unha condición de vida hoxe menos escura.
Os
cinco dedos da man dereita ábrense contra o cristal da fiestra, o nariz de
Alegra apuntala o vidro, fóra unha mesta néboa esvaece a rúa. Quizais
suxestionada pola lectura, distingue un matiz laranxa, mesturado con malvas,
que contrasta co fondo gris que desenfoca a paisaxe. Apoia a man esquerda,
escudriña ó lonxe dende a atalaia improvisada temendo perder de vista o seu sol
imaxinario. Despega de súpeto a face e apresúrase a protexer con roupa de
abrigo o seu corpo, antes de saír en busca daquel momento fugaz e irrepetible.
Lutgarda
chega por fin ó portal da súa casa envolta no abrigo tella e o manto violeta
tecido en lan. No intre no que se dispón a pechar para abandonar a brétema e
deixarse querer pola calor do fogar, unha voz reclama a súa atención.
Alegra, atraída polo sorriso da anciá séguea ó interior da vivenda, o té quente agarda sobre a mesa de madeira cuberta co pano de liño. Flúen entre elas anacos de historias, contos antigos que producen risas novas, verbas que consolan tristuras… na lareira de novo, vigorosas lapas alumean sobre as cinzas.
Alegra, atraída polo sorriso da anciá séguea ó interior da vivenda, o té quente agarda sobre a mesa de madeira cuberta co pano de liño. Flúen entre elas anacos de historias, contos antigos que producen risas novas, verbas que consolan tristuras… na lareira de novo, vigorosas lapas alumean sobre as cinzas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario