22 de feb. de 2014

2. Raio de Sol na Néboa


O Parlamento de Londres, raio de sol na néboa (1904). Claude Monet.


            “…Silueta irreal e fantasmagórica, o Parlamento xorde coma unha aparición, onde a arquitectura de pedra perde consistencia. A pincelada está sistematicamente fragmentada en múltiples manchas que plasman a densidade da atmosfera e da bruma…”, os ollos que len desvían o obxectivo cara o cadro de Claude Monet e viaxan no tempo. Naqueles anos o pintor dicía que era moi difícil pintar en Londres, pola ausencia de sol e pola contaminación das miles de chemineas. Cando Monet crea “O Parlamento de Londres, raio de sol na néboa”, lega unha obra de arte á posteridade e amosa unha condición de vida hoxe menos escura.
            Os cinco dedos da man dereita ábrense contra o cristal da fiestra, o nariz de Alegra apuntala o vidro, fóra unha mesta néboa esvaece a rúa. Quizais suxestionada pola lectura, distingue un matiz laranxa, mesturado con malvas, que contrasta co fondo gris que desenfoca a paisaxe. Apoia a man esquerda, escudriña ó lonxe dende a atalaia improvisada temendo perder de vista o seu sol imaxinario. Despega de súpeto a face e apresúrase a protexer con roupa de abrigo o seu corpo, antes de saír en busca daquel momento fugaz e irrepetible.
            Lutgarda chega por fin ó portal da súa casa envolta no abrigo tella e o manto violeta tecido en lan. No intre no que se dispón a pechar para abandonar a brétema e deixarse querer pola calor do fogar, unha voz reclama a súa atención. 
            Alegra, atraída polo sorriso da anciá séguea ó interior da vivenda, o té quente agarda sobre a mesa de madeira cuberta co pano de liño. Flúen entre elas anacos de historias, contos antigos que producen risas novas, verbas que consolan tristuras… na lareira de novo, vigorosas lapas alumean sobre as cinzas.

20 de feb. de 2014

1. Criando malvas, metaforicamente


A Real Academia considera que “criar malvas”  ven sendo “estar morto e enterrado”... as flores poderían ser o froito... despois da morte podería haber malvas???
Diferentes lugares onde criar malvas:


Cemiterio e ruínas góticas da igrexa de Santa María de Dozo, Cambados.
            
Cemiterio de Dumbría, arquitectura moderna na Costa da Morte.

Cemiterio de Fisterra de César Portela, integrado na natureza.

En realidade a acepción que nos interesa, non consta que apareza en manuais e significa, non academicamente, deixar pasar a vida sen vivila. Iso é o que hai que atallar, non é recomendable criar malvas en vida, a non ser que sexa un sentimento controlado mesturado con outras herbas (legais). 
Herbas boas:

Infusión de Rooibos. Antioxidante, mineralizante, equilibra o sistema nervioso…

Herba de namorar, pranta da beiramar galega con propiedades máxicas para o amor, introdúcese no peto, mochila… da persoa desexada. Recomendable pensalo moito, porque seica non hai marcha atrás.